26/5/17

Curros Enríquez, o poeta rebelde


Cando está marchando maio, entramos nós na obra de Curros Enríquez, o poeta contestatario do noso Rexurdimento literario (séc. XIX).


Xa vos contei a tradición da xesta na cultura galega e xa sabedes que seica é ben poñela nas entradas das casas e das propiedades dun para que entre ben o maio, o que implicaría que ese ano habería boas colleitas. Que vai ser de nós agora no final de curso, se non  puxemos a xesta na porta da clase?

De calquera maneira, trataremos de "entrar" en Curros con bo pé. Queda tamén unha lista de reprodución de Youtube con vídeos relacionados do vate de Celanova, Curros, o autor de Aires da miña terra (1880) e O divino sainete (1888). 

22/5/17

Que foi o curso? Un drama, unha comedia...? Foi teatro?!

Imos rematar o curso referíndonos ás características do xénero dramático e ás diferenzas cos outros dous grandes xéneros literarios. Pero imos ir máis alá: fixarémonos en aspectos da obra teatral relacionados directamente coa representación teatral, é dicir,  as partes da obra e mais os elementos que interveñen na posta en escena (director/a, elenco, son, iluminación, decorados...).

En 2º ESO, a proba oral de final de curso vai ser unha lectura dramatizada en grupos, da obra teatral Xuventude, divino tesouro, de Begoña Muñoz Saá (portal do IES Otero Pedrayo de Ourense). Ide ensaiando e dentro dunhas semanas, avaliaremos a coordinación e o traballo en equipo, a expresividade, o volume, o ritmo, a fonética sintáctica galega e o respecto á proba e á actividade cultural en xeral.


E, para rematar co estudo da representación teatral, analizamos diferentes escenas teatrais a partir de vídeos de Youtube. Estas que colgo aquí son coas que podemos introducirnos no comentario de escenificacións teatrais. Imos escoller un par delas e temos que redactar no caderno un breve comentario crítico da representación.

11/5/17

Has de cantar... a Rosalía!

A meniña gaiteira de Rosalía cantou e cantou ben! Tócavos a vós valorar se vos gustan ou non as diferentes versións musicadas que se veñen facendo dos seus poemas.

Rosalía de Castro é a figura central do canon literario galego; é dicir, a autora máis destacada, coñecida e universal das nosas letras. Ela iniciou o Rexurdimento pleno. É tamén símbolo de Galicia e o seu nome ten, como vimos, evidentes implicacións emocionais para nós, que somos galegos.

As dúas grandes achegas de Rosalía á nosa literatura, Cantares gallegos (1863) e Follas novas (1880), correspóndense coas dúas liñas poéticas ben diferenciadas, como vemos nesta presentación, que xa adianta a obra dos outros dous grandes autores do Rexurdimento. Á poesía de Rosalía, máis alá do que leremos na clase, podedes chegar neste blog, que reúne a súa produción literaria.

View more PowerPoint from IES
A audición de textos poéticos recitados ou cantados permítenos tamén achegarnos á obra dun autor ou autora. A gran poetisa foi e é, claro, moi versionada. Fixemos unha escolma do que hai subido a Youtube, a que está máis abaixo (ao que lle deades a play, xa vedes na parte inferior unha especie de mini-persiana, que indica que contén varios vídeos). Ademais, cómpre que escoitedes vós na casa, no móbil, na biblio... o que hai de Rosalía en Son de poetas, para practicardes unha posible proba de compresión literario-musical do próximo exame.

10/5/17

Tempo de rexurdir!


A publicación do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, o primeiro escrito integramente no noso idioma, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.

A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX, Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, como parte parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

Imos comezar por achegarnos ás súas pretensións coa obra Cantares gallegos, recollidas no prólogo que ela mesma redactou. Este texto é clave para entender o Rexurdimento da literatura galega. Lédeo aquí.
 
Para que tomedes xa uns apuntamento iniciais, debedes visionar de xeito atento este vídeo, un fragmento do documental que vimos vendo dende o comezo do curso: "Lingua de reis; lingua do pobo", un capítulo da serie Historias de Galicia. 


8/5/17

Contexto social e político do Rexurdimento

Imos facer un rápido repaso do período de formación da lingua galega e mais das etapas da literatura galega anteriores á que nos ocupa, para situármonos xa no Rexurdimento, momento clave para entender o primeiro terzo do século XX, que estudaredes no arranque de 2º de bacharelato. Estaredes en 2º bach. para o ano!? 😕😔😐 Se queredes, si, tanto se vos destes ao ciclismo de ritmo constante coma se sodes máis de contrarreloxo; do xeito que sexa, toca apertar e pedalear. 😉

Podedes recordar as etapas con esta liña do tempo da historia da lingua ou con estoutra.

O rexurdir da cultura e da lingua galega non se pode entender á marxe do contexto social e político de Galicia. Para situármonos, ímoslle botar unha ollada a este vídeo da serie televisiva Historias de Galicia (moi recomendable agora ata o 4'30'').

21/3/17

Séculos Escuros: o padre Sarmiento

Recordades a ilustración aquela do debuxante Pepe Carreiro, a de "Quen apagou a luz? Así non hai quen escriba"?

Con candeíñas nas mans, imos entrar nos Séculos Escuros, a ver se podemos alumear algo o contexto e saírmos todos deste túnel con máis luz nos coñecementos sobre a historia da lingua galega.

No noso libro de texto de 1º BACH., estamos situados nas páxinas 218-229, mais serán materiais básicos estes vídeos, catro, que inclúo aquí abaixo. Ide vendo e, se tal, volvede ver as veces que queirades.


20/3/17

De tal historia social e política...


Pregúntaste que aconteceu para pasar de estar "de moda" a literatura  medieval galega a entrar nuns escurísimos Seculos Escuros? Xa ti verás... De tal historia social e política, tal situación da lingua. Con esta cadea de feitos históricos, era visto!

1/3/17

vídeos sobre literatura medieval galega

Para o alumnado de 1º de bacharelato C e D, quedan aquí estes vídeos sobre a literatura medieval galego-portuguesa. Podedes velos as veces que queirades e á velocidade que queirades! 🙊 😜
Na lista de reprodución seguinte, este é o contido:
1. vídeo con información xeral do contexto histórico, sobre os manuscritos e as orixes.
2. vídeo con información sobre autores e intérpretes e mais sobre a cantiga de amigo e a de amor.
3. vídeo sobre a cantiga de escarnio e maldicir.


14/2/17

Literatura medieval galego-portuguesa

Porque somos galegos quizais sexa a primeira e máis importante razón para achegarnos ao noso pasado literario medieval. Así que, nas aulas de 1º bacharelato C e D, imos traballar -de novo, con materiais diversos- para lograr ter todos un coñecemento cultural e literario en torno ás creacións desta etapa da nosa historia.
Mais, como chegamos nós a saber da existencia destas composicións literarias? Pois porque se conservaron en códices. Que como se facían? Así, como nos explican nesta animación interactiva que a Universidade de Cambridge dispón a través do Fitzwilliam Museum. O cambio de tecnoloxía sempre implica un tempo de transición, para afarcerse. Clica aquí!

A ferramenta de apoio ao estudo básica é o noso libro de texto. Xunto nesta entrada outro material que xa prepararon para este tema compañeiros do ensino.

De Ramón Cruces ("onte" profe da profe!) traemos esta presentación, que, como explica Román Landín, "ademais dunha introdución ao contexto no que se crean esta tradición literaria, inclúe unha descrición dos xéneros líricos trobadorescos, tanto dos motivos temáticos como dos principais recursos formais, sempre apoiados en exemplos. Así mesmo, nas súas 80 diapositivas hai espazo para os xéneros menores e para a prosa medieval, todo isto adobiado con debuxos de Pepe Carreiro e ilustracións medievais".

Tamén de Román son estas fichas de apoio dos xéneros profanos medievais. Empregarase de guía para o estudo e para confeccionar breves comentarios literarios de cantigas.

E se as cantigas medievais eran interpretadas con música, o natural é facelo nós así tamén. Que temos no blog Son de poetas, que é unha antoloxía de literatura galega musicada, desta etapa literaria? Miraremos!, e escoitaremos, toda unha tarefa de comprensión oral e competencia cultural e artística.

Imos aló! Aquí queda unha imaxe dos músicos do pórtico da Gloria da catedral de Santiago, para recordarmos a importancia do camiño de Santiago na introdución do xeito de trobar provenzal e, polo tanto, no desenvolvemento da nosa literatura medieval.

3/2/17

Exposición oral en parellas

As clases de 1º bacharelato C e D ides realizar unha pequena exposición oral en parellas. Para iso, é recomendable botarlles unha ollada ás recomendacións do apartado "Saber facer" do voso libro de texto, como complemento ás pautas que se explicaron na aula. Son estas: 
- Construír un texto (páx. 9)
- Preparar unha exposición oral (páx. 37)
- Organizar o contido dunha exposición oral (páx. 85)
- Elaborar un mapa conceptual (páx. 109)
- Identificar as partes dunha exposición oral (páx. 137)
- Realizar unha exposición oral en público (páx. 159)

As directrices para a exposición oral son as seguintes: 
  • A tarefa realizarase en parellas (en 1º Bach C, as que indiquei na aula; en 1º bach D, segundo a distribución por parellas que acordastes para o 2º trimestre).
  • Cada parella fará a exposición sobre un tema dos propostos máis abaixo, escollido de entre tres deles seleccionados ao azar. 
  • Unha vez seleccionado o tema, cada parella terá 5 minutos para preparar o enfoque, acordar o contido e os seus principais argumentos, distribuír as intervencións e planificar a proba en xeral.
  • A exposición será como un comentario crítico pero oral: debe constar de introdución, un mínimo de dous argumentos adecuados na parte central ou corpo argumentativo e conclusión.
  • O duración da exposición non debe ser inferior a 3 minutos nin sobrepasar moito os 4 minutos. 
  • A proba será avaliada ao remate da exposición oral de cada parella segundo os parámetros da táboa que se vos entregou: planificación, seriedade e entusiasmo, organización e estrutura, adecuación do contido e dos argumentos, comunicación non-verbal, duración e calidade de galego. (Fixádevos na porcentaxe outorgada a cada apartado.)
  • A proba terá un peso do 20% na nota da avaliación. 

TEMAS PARA A EXPOSICIÓN ORAL
  1. A convivencia social entre ambos sexos.
  2. As posibilidades actuais de compaxinar diferentes estudos ou traballo e estudos.
  3. O ensino das artes.
  4. A integración entre diferentes clases sociais.
  5.  A importancia do aspecto físico para o mundo laboral. 
  6.  As circunstancias ideais para ter descendencia.
  7. Posibilidades e riscos do uso do móbil como recurso didáctico.
  8. A promoción xeral dos deportes.
  9. A educación sexual dende a familia e a escola.
  10. A convivencia nos centros de ensino.
  11. A necesidade de probas de acceso á ensinanza superior ou específica.
  12. A seguridade en internet. 
  13. A influencia social e actual dos medios de comunicación.
  14. A relixión na escola pública.
  15. O uso das TIC no ensino. 
  16. O tempo de ocio da mocidade coruñesa.
  17. A educación actual e a capacitación para a vida.
  18. A violencia en torno ao mundo do deporte. 
  19.  A educación para a saúde. 
  20. A importancia de saber idiomas.
Na rede, tendes mil presentacións con pautas para preparar unha tarefa deste tipo. E en youtube podedes ver algún dos centos de vídeos sobre como falar en público. Con todo, ver os compañeiros e compañeiras e facer a proba en si vai ser a mellor aprendizaxe.